Chamábase Celtas sin filtro. Todas as esceas eran moi interesantes pola crítica e autocrítica que levaban de seu. Pois dábanlle un repaso a todo o pais a traverso dunha grande nova que acontecerá coa chegada a terra de Breogán dun visitante ilustre que viñera a Compostela. Hoxe, despois de escoitar á concelleira de “La Coruña de D. Carlos Negreira, a que afirma que “lo del gallego es demasiado... No es entendible y claro ya os podeis imaginar que pensarán de nosotros los visitantes” non podo evitar o recordo das esceas da obra reseñada ou de aplicar aquelo que Antón Reixa popularizou creo que nun programa televisivo: Galicia sitio distinto.
Na obra de Celtas.., nunha das moitas esceas, preguntábanlle en galego a varios cidadáns da Coruña que pensaban do asunto que acontecía na nosa terra. (Referíase a pregunta ao descubrimento dunha grande bolsa de petroleo que aparecera baixo á catedral de Compostela e a todo o que delo se derivaba) E respostaban a coruñesa con outra pregunta: ¡Que pesados os estais poniendo con esto del gallego! Ou sexa, non sabían de que iba pero contestaban con desleixo por empregar o idioma Rosalía.
Esto que comento aconteceu hai trinta anos aproximadamente. E xa vedes como estamos despois de tanto tempo. Case nada se avanzou, pois o coruñesismo antigalego que daquela pedía a capitalidade de Galicia vese reflexado no 2011 nas verbas desa concelleira de festas.
Galicia segue a ser sítio distinto. Distinto para a política pois nada avanzamos no tocante a sentirnos orgullosos das nosas peculiaridades; do noso idioma, da nos forma de ser; da nosa lígua, ponte valiosísima, que nos une co mundo luxófono; das nosas tradicións. Ren de ren. Somos, despois dos anos pasados, realmente un sítio distinto e distante da nosa realidade social, política e cultural. Somos segundo a concelleira, da que non quero lembrar o nome, un lugar onde se fala un idioma que non se entende, ou que non se quere entender e menos promocionar.
Sería moi positivo que volveran a representar aquela obra de teatro para vernos a nos mesmos; para autocriticarnos e reflexionar sobre o futuro desta terra, onde un sector social menosprécia a lingua, e outro, moi amplo, menospreciase a si mesmo e renuncia a esencia de ser e de evolucionar dende as raíces, para mirarse nun espello cóncavo que pretende aniquilar as nosas esencias deformando e minusvalorando toda a nosa realidade. ¿Cantas señoras de Palmirez hai neste pais? Eu penso que Galicia é o único lugar do mundo mundial onde un sector importante mira o seu pasado con pena e refugao ate chegar a menospreciar o idioma nativo; ate negarlle aos nenos o idioma dos avos. Esa, entre outras, é a triste realidade que aínda pervive..
Sempre pensei que os pobos teñen, en certa medida, o que queren ter. E nesas realidades sociais é onde ten que actuar a política. Pero sempre partindo de analisar a forma de vida social presente. E dende ese punto de vista ir avanzado, primeiro na procura da auoestima dos seus habitantes, e logo noutros logros políticos. E nese eido sempre andivemos atrasados pois, o nacionalismo galego, sempre andivo a promocionar modelos políticos lonxanos á nosa realidade, e no eido cultural aínda non superou o elemento da troula e da festa sin outro obxectivo. Non pretendeu promocionar unha cultura, espero non molestar, con maiusculas que fuxira do populismos do lúar e se amosara amable e útil para os cidadáns incluso cando andan polo mundo.
Ben sei que, neste momento estamos a pasar por un tempo de certa recentralización e de debilidade política en Galicia. E das nosas debilidades aproveitanse os que nos ven como un sítio distinto sin máis. Un lugar peculiar no mellor dos casos. En fin, dixen ao principio que, o que acontece na nosa terra hai que tomalo, a maior das veces, en clave de humor e con certa retranca. Pois do contrario é para chorar. Claro que chorando ou poñéndose na clave máis radical tampouco se vai a ningures.
Entón ¿Que se pode facer diante feitos e declaracións como a da concelleira aludida? Pois eu creo que o mais sensato é promocionar a autoestima de sermos galegos e sobre todo moita autocrítica pois, seguro que, alomenos no tema do idioma en todos estes anos, algo estamos a facer mal para sentir o rechazo dalgúns sectores sociais, e para que os que nos gobernan actualmente non sintan o mínimo respecto cara a nosa cultura.
Manuel H. Iglesias