Do galeguismo ao nacionalismo de esquerdas

Cando se cumpren 75 anos da execución de Alexandre Bóveda e vista a evolución do nacionalismo galego dende a chegada do franquismo ao poder, non estaría por demais facer unha pequena análise da súa traxectoria ate os nosos días.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 31/08/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

E digo isto pois, ao meu entender, o galeguismo visto como ideoloxía política que reivindica a defensa da identidade galega, a súa cultura e a capacidade de gobernarnos a nós mesmos, sufriu importantes desvíos  dende o nacemento do Partido Galeguista aos tempos actuais. Tivo derivas que  levaron  a que o nacionalismo galego se atope hoxe nunha encrucillada ideolóxica  que tenta fuxir do retroceso electoral e do camiño cara unha inevitable  marxinalidade política.  Se partimos da máxima de que o pobo e quen máis ordena, os galegos, despois de moitas consultas electorais, maioritariamente, votan alternativas políticas distintas a oferta hoxe coñecida como nacionalista. E resulta errado pensar sempre no caciquismo e na manipulación electoral. Quere isto dicir que o nacionalismo fracasou nesta longa andaina? Creo que non. Pero, como di Xosé Ramón Quintana, o nacionalismo galego andivo,  alomenos ate agora,  un camiño sumamente tortuoso. O galeguismo como opción política fixo unha grande fazaña para traer a Autonomía a esta terra. Pero para iso tivo que no 36 aliarse estratéxicamente co Frente Popular.   Foi  a forma de lograr plebiscitar o Estatuto. Pero o galeguismo tamén  foi quen de lograr coa súa influencia na transición do franquismo    colocar a Galicia nun plano de certa igualdade ás  comunidades históricas que son Euskadi e Cataluña. Os que hoxe representan o nacionalismo, daquelas, puxéronse ao marxe do proceso autonómico pois dicían que era un agasallo e unha concesión  do centralismo. E nese senso fracasaron estrepitosamente, menospreciaban ao parlamento de Compostela chamando de Cartón, e optaban unicamente pola vía  soberanista e emancipadora que chegaría coa ruptura democrática despois da morte do ditador. Ruptura que nunca chegou. E así seguiron anos, máis de 15,  sen aceptar o proceso autonómico como unha ferramenta  útil e positiva para esta terra.

Lembro isto pois moitos rapaces que chegan ao nacionalismo  seguro que  descoñecen estas cuestións. Descoñecen que, o galeguismo, con moi escasa representación política naqueles anos  foi unindo as forzas  sociais para influír nos partidos centralistas e chegar a acadar un estatuto que supera con moito ao da segunda república. Tamén descoñecen que, co trunfo dos golpistas e asentado o  franquismo o poder, a  desaparición do partido galeguista nos anos sesenta do século pasado, o campo nacionalista foi a caer nas células comunistas que resistían á ditadura e que  se encargaron das mobilizacións reivindicativas contra os encoros e outras  que houbo nesta terra. E o que fora un galeguismo integrador e  interclasista, tomou as teorías emancipadoras dos países da órbita soviética, que dito sexa de paso, vivían tanto ou máis oprimidos ca nós. E  este movemento antes galeguista e interclasista pasou a ser soamente o patrimonio da esquerda. A partires dese momento o nacionalismo galego aspira de maneira exclusiva a facer unha política  na que por riba dos intereses de Galicia sempre están os intereses da ideoloxía dominante na fronte. Dicía un dirixente non hai moito tempo: “a organización está por riba das persoas.” E así os modelos importados de países que nada pintan no panorama mundial empezan a aparecer no discurso diario. Desta maneira empezou o distanciamento coa realidade social galega. E a día de hoxe faise boa a frase dunha dirixente que con moita razón  dixo: “nós temos a Galicia na nosa cabeza, pero Galicia non nos ten a nós

Agora que o nacionalismo perde a Quintana, un dos seus mellores activos políticos que pretendía modernizar esta opción electoral, e que está nun debate aberto sobre a liña que debe seguir; sobre a maneira de organizarse; sobre si optar a ser unha Fronte, ou  ser partido democrático clásico; sobre si abrirse á sociedade   ou  soamente camiñar mirando para a esquerda, agora,   é cando hai que tirar da historia para decatarse de que, o galeguismo e o nacionalismo, teñen que ser algo máis amplo ca mera ideoloxía centrada  nun modelo único  político ou nun único sector social. A Galicia actual é moi diferente á de hai corenta anos ou cincuenta.  Este debe ser o debate. Poñer os intereses da xente e  da Terra por riba copias  de modelos ideolóxicos que se amosan fracasados, obsoletos e endogámicos. Pois pechar o galeguismo e o nacionalismo a unha única franxa social  e tanto como condenalo á marxinalidade política sen paliativos.  O nacionalismo galego é necesario para a sociedade. Pero non entender que unha opción galega sempre estará  vinculada ao desenvolvemento  e ao progreso da nosa terra é tanto como non entender a cidadanía.  E, para iso, hai que superar vellos dogmas e rachar  coas vellos pantasmas que din que soamente un sector social pode liberar e facer mellorar a sociedade e con elo solucionar os problemas de todo tipo que hoxe temos.

Esta pequena  chamada á historia,  é moi necesaria para valorar a  evolución do nacionalismo aos 75 anos da morte de Bóveda. É para decatarse de que o galeguismo político nas súas diferentes versións foi o gran motor que nos levou até onde estamos hoxe. Polo tanto, creo que é  o momento de superar a  retórica dos soñadores do socialismo real, superar os choros e deixar de pensar que a sociedade está errada. Posiblemente, por intereses diversoas,  son os dirixentes actuais  os que fan  unha lectura errada desa sociedade a que  din querer liberar.

Por iso, despois de  tantos anos pasados dende a a morte de Bóveda e da transición política, é un bo momento para mirar cara o pasado con ánimo de gañar o futuro para esta terra; para ver os erros  e os acertos cometidos,  e sobre todo, para  escoitar á xente que, reiteradamente, cando vota,   mándanos mensaxes claros dicíndonos o  que non quere do  proxecto e o  que espera do nacionalismo galego. E si se segue facendo oídos xordos á cidadanía haberá que  recuperar o vello espírito do Galeguismo integrador nesta terra.

Manuel H. Iglesias



Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com