A casa sen barrer

Que o patio da política anda revolto niguén o discute. Que si os das Marea e os de Podemos andan a labazadas verbais tampouco; que si uns defenden a Maduro e outros a Guaído tamén; que si outros lanzan avisos pra xuntarse cos antigos compañeiros galegos para as europeas, pois así parece. E así unha morea de asuntos que indican que tanto a nivel galego como do Estado, o patio anda alporizado e moi revolto.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 05/02/2019

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
O certo é que, dende hai un tempo, parece que os asuntos desta terra teñen menor importancia e ate a verba Galicia no parlamento do Estado está agochada e non se escoita nin pra ben nin pra mal. Vamos, que a terra de Breogán non existe.  Ben é sabido que tampouco se escoitaba moito anos atrás, pois as soflamas e reivindicacións políticas sempre estiveron moi lonxe do que a xente pensa e precisa, e iso alonxou a política partidaria dos cidadáns. Polo que, o  nacionalismo galego, sempre estivo máis pendente de ser coherente coa ideoloxía politica, a que se sinte moi vencellado,  que a pór os pes no chan e polo tanto na realidade social. Ou sexa:  a escoitar voz dos que votan e así coller máis forza pra   xogar no campo da política buscando acordos de proveito. 
 
E, se tomamos como referencia a época do bipartito,  moito cambearon as cousas daquela a hoxe. Mellor cambiaron pra peor.  Dado que  parece existir máis interese en posicionarse sobre o que acontece en Venezuela que, por pór un exemplo, en defender ós nosos emigrantes galegos que,  nese  pais, o  están a pasalo moi mal co  réxime caótico e despótico de Maduro.
 
Instalado sempre na utopía,  o nacionalismo galego, non prende fondamente na xente porque vive moi alonxado da realidade real do pais e do pracmatismo necesario pra medrar electoralmente. Agora répública e dereito a decidir, seica será o lema das Europeas onde está metido. E así camiñamos  pola vida  practicando unha política máis teórica que real. Resistir con ánimo de seguir existindo pero sempre con medo a perder unhas esencias ideolóxicas  que pode que nunca  cheguen a bo porto. Deste xeito  pódese entender que se mire con máis interese o que acontece noutros lugares que en forxar unha alternativa real e racional a Feijoo e o PP e ás políticas recentralizadoras que se aveciñan. Caro estase a pagar  o gran erro que anos atrás impediu a evolución do partido máis importante cara unha formación menos dogmática e máis aberta á sociedade. E como consecuencia veu a desfeita.  E esa desfeita trouxo a  situación da desaparición de Galicia  do grupo de comunidades do Estado con dereitos políticos de seu. E agora toca seguir sen alternativa ó mundo conservador e centralista, o cal  ignora á diversidade e os problemas reais  desta terra.
 
O patio anda  revolto en Madrid. Igual acontece  en Galicia onde  non existe vontade por parte de ninguén en buscar unha unidade de acción baixo uns mínimos de consenso. E mentres ándase a discútir que si Maduro ou Guaidó. E, coma sempre a nosa casa sen barrer.  De pena.

Manuel H. Iglesias



Nicolás Maduro, presidente de Venezuela

Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com