O control do voto emigrante

Mentres escoito unha música fermosa e melodiosa de Antonio Vivaldi, repaso os titulares da prensa. En nun deles dise que a Xunta Electoral relaxa os control para exercer o voto dos emigrantes do CERA (censo de residentes ausentes) nas vindeira eleccións xerais do 20 N. E lembro que hai uns días houbo eleccións na Arxentina e noutros países e os seus emigrantes votaron nos consulados con todas as garantías.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 30/10/2011

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

O tema dos residentes ausentes, é un asunto sen resolver dado que ás dúas formacións políticas PP e PSOE teñen un palleiro de votos neses países. Votos  que lle caen do ceo sen facer ren. Emigrantes de terceira xeración que nunca residiron na terra e que viven fora da realidade social e política do país dos seus avós.

Que voten os emigrantes vale; pero que voten con todas as garantías e coas mesmas esixencias e documentos que se nos piden aos que vivimos no interior do país.

Son consciente de que cos emigrantes e os seus descendentes temos que ter certa sensibilidade, pero o termo de residentes ausentes, é un formato que non me cadra. Si es residente, e sempre estás ausente, é obvio que non estás; que non estás ao día nos impostos e que non vives nin estás censado en ningún concello do país de orixe. Polo tanto non es cidadán dese país.
¿Cómo se podería resolver esta gran contradición? Pois creo que a única maneira posible sería que a emigración tivera unha representación para eles soio, e que a través dela se coñeceran as súas  reivindicacións pero que, a súa representación, non condicionara a política nin as maiorías para formar goberno dentro do Estado ou os gobernos autonómicos.

Pois, por moito que nos esforcemos, os dereitos dos cidadáns que viven no interior e teñen a nacionalidade española, non poden ser iguais aos de aqueles que son cidadáns doutros países onde votan e teñen acceso a todos os dereitos políticos.

O asunto dos residentes ausentes hai que resolvelo xa,  pois tal como está hoxe crea un agravio comparativo cos  cidadáns que vivimos no interior do país. Nós témonos que identificar co noso DNI, pasaporte ou carné de identidade diante os membros dunha mesa electoral. Membro que posiblemente coñecemos, pero temos que identificarnos. Nós temos que votar no colexio que se nos asigna. Pola contra, neses lugares non existe tal identificación nin se pide o  DNI e vótase dende os máis diferentes lugares, pero non dende o consulado do pais. Quere  isto dicir que se vota por estar anotado nun censo que non se parece en nada ao que se fai no interior do Estado. Vótase en sacas recollidas e mandadas sen ningunha garantía; sacas que chegan a Xunta Electoral da maneira máis diversa. Vamos,  que este é un voto  sen garantía de limpeza. Este é o máis semellante a   un fraude legal.

Espero que o sentidiño volva á cabeza dos líderes do PP e do PSOE para regular o que, a moitos, nos parece unha fraude que se quere seguir mantendo por intereses  unicamente electorais. Polo tanto, creo que o voto do CERA é  unha ilegalidade. Un fraude á democracia que ten que ser corrixido e regulado  de inmediato.

Rematou o fermoso  concerto de Vivaldi e, por aquelo de seguir desfrutando da boa música, e non cabrearme escoito outro dun autor máis contemporáneo. Pois a música relaxa e aparca o cabreo que a día de hoxe temos  polos problemas políticos e económicos que padecemos na vella Europa.  En fin, así é o tempo que nos tocou vivir.

Manuel H. Iglesias



Manuel Herminio Iglesias

Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com