Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 18/11/2011
A unión monetaria fíxonos crer que todos os países estábamos á mesma altura. E non era así. Unha crise que naceu nos Estados Unidos, por mor dunhas hipotecas lixo, fixo un contaxio que paso a paso foinos abrindo os ollos. E todos empezamos a decatarnos de que a vella Europa, coa súa flamante unión monetaria, era practicamente ingobernable con 27 economías distintas; con estados soberanos que non se poñían de acordo para tomar decisións e, paso a paso, fomos, e seguimos camiñando, sen rumbo. ¿Cara onde vai Europa? Esa é a pregunta do millón.
Hai comentarios e opinións para todos os gustos. Pero chegamos a un momento no que os mercados mandan e a política sen dirección obedece. Polo que chegou a hora de afirmar que, ou hai máis Europa e se avanza no camiño da unión política, ou sufriremos como ninguén as consecuencias da voracidade dos mercados. Diría eu, dos insaciables mercados.
Ben sei que, ao marxe das decisións políticas que se tomen, seguro que cedendo soberanía á Unión Europea, moitos dos problemas particulares nosos seguiran presentes. E sempre estarán agravados polas características propias das nosas debilidades. Pois a falla de industrias, sobre todo na Galiza interior, o problema do ladrillo e moitas peculiaridades mais, son unha eiva que nos pesa coma un gran penedo que está a punto de esmagarnos.
Pero na Europa dos mercaderes, dos especuladores, ¿quen manda? Mandan os políticos elixidos polos cidadáns, ou os tecnócratas elixidos pola Merquel. A verdade é que o vello continente está nunha encrucillada; nun parto traumático do que somentes sairá o día no que a política con ideoloxía e obxectivos a longo prazo se impoña sobre a lei especuladora dos mercados. Teñen que mandar os políticos elixidos polos cidadáns, e non os tecnócratas nomeados a dedo. Teñen que mandar os representantes elixidos e non os que se poñen ricos á conta da usura.
Por tal motivo pregunto insistentemente: ¿Cara onde vai Europa? Ou se se quere: ¿ten proxecto político esta Unión feita de enriba a baixo? Esta que, agora, castiga á maioría dos cidadáns con recortes traumáticos; que os penaliza con políticas e cargas económicas brutais. Cara onde camiña a unión nacida do Benelux e da CEE. ¿Somos un mercado ou somos unha unión política? Posiblemente todos esteamos de acordo que, neste momento só somos un mercado, onde cada Estado busca a maneira de salvarse. E nun mundo onde a economía está globalizada, ou nos salvamos todos, ou nada pintamos na economía mundial no mellor dos casos. E no peor, camiñamos cara a recesión permanente, a pobreza e ate puidera ser: o desastre económico.
Manuel H. Iglesias
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting