Despois de escoitar as declaracións desafortunadas do nuncio do Vaticano sobre o franquismo, declaracións que amosan saudade por voltar a un tempo escuro onde a Igrexa levaba baixo Palio ó dictador, un titular que circula polas nas redes sociais chamoume a atención. Falaba dos mortos de Eta e os asesinados pola ditadura franquista que aínda están nas cunetas. E o lembrar e valorar algo sobre aqueles que foron asesinados hai que ser moi prudente co que se di. Pois os mortos todos son iguais, e sobor de todo cando foron vitimas da inxustiza e do terror viñera de onde viñera.
Hai uns días a TV pública fíxolle unha entrevista ó Sr. Otegui. Nela escoitáronse respostas que, ademais de non condenar o terrorismo, parece que xustificaban as accións infames da banda ETA. Parte das chanmadas forzas constitucionais saíron en tromba a falar de branqueo da figura deste persoeiro. E todos culpaban a TV pública de querer lavar a cara dun señor que xustificou a violencia etarra. Polo que parece que 900 e pico mortos de Eta siguen a ser un asunto rendibel para esas organizacións partidarías que o lembran a miúdo. Claro, esquecendo que esta España tan europea, pra algunhas cousas, sigue sin rendir contas co seu pasado; sigue sen axustar as contas coas persoas machacadas na súa época mais escura, e mantén a máis cento trinta mil mortos sen nome nas cunetas das estradas e nos cementerios. Polo que, os seus familiares, en segunda e terceira xeneración, siguen a esperar unha minima reposición do agravio que se lles fixo na época anterior á democrática. E tanto é asi que, na maioría dos casos, pagando do seu peto, ou coa axuda de organizacións a favor da recuperación da memoria, andan abrindo fochas e identificando ós seus, ainda que iso, a día de hoxe, xa non sexa noticia.
Isto que é unha realidade, non parece importarlle ós líderes deses partidos que claman e berran cando Otegui fala nun medio que non branquea a ninguén, se non que pon branco sobre negro; que amosa e decubre a faciana dun individuo que xustifica o terrorismo, cando debía pedirlle ás vítimas perdón por tanto dano que se lles fixo.
Os mortos de forma tráxica todos son iguais, ainda que os lideres duns partidos lembren soio a uns e desprezen ós outros.
Na Europa onde estamos integrados tamén houbo guerras, mais todos os estados axustaron contas co seu pasado e traballaron para pechar definitivamente os seus tempos escuros. Cuestión que en España non se quere afrontar. Por iso, da noxo que dirixentes politicos tenten acadar réditos electorais do terrorismo máis recente e, pola contra, impiden pechar definitivamente unha época escura da nosa historia común.
En fin, parece que somos europeos a medias.
Manuel H. Iglesias