O PPdG vai chegar ás vindeiras eleccións galegas nunha situación ambivalente:ademais da súa coñecida fortaleza organizativa derivada dunha ampla presenza territorial e social, o partido de Feijoo atura un deterioro significativo da súa credibilidade por mor dos efectos combinados da crise económica e dos variados casos de corrupción.Pódese aceitar que, neste momento, o candidato Feijoo está menos queimado que Rajoy e posúe, ademais, algunhas vantaxes adicionais.Unha das mais relevantes é a imaxe ofrecida polo PSdG.Ademais da caída de Besteiro e da endémica cantonalización da organización –incentivada pola actual posición hexemónica de Abel Caballero-, o penoso espectáculo deparado polas negativas de diversos dirixentes a participar na elección do cartel electoral, certifica que non existen expectativas sólidas no propio núcleo encargado de crear un clima de confianza de cara á esa confrontación electoral.