O presidente da CEOE desexa privatizar a educación e a sanidade, as dúas maiores empresas do país segundo el. Reducir todo ao concepto de empresa, mesmo servizos públicos sen finalidade lucrativa, retrata a súa catadura moral, un elemento antisocial capaz de liquidar todo con tal de alimentar a súa patoloxía, a ganancia de diñeiro sen fin, aínda que nunca vaia poder facer uso del, porque a propia perversión na que vive non lle permite dispoñer de tempo para gozar da riqueza. Estas persoas talvez existan desde que o capitalismo se asentou no planeta, a diferenza é que arestora se converteron no modelo, propagándose como unha praga de cascudas. Deus é o diñeiro e non hai outro destino na vida que acumulalo, obténdoo como sexa. Son persoas destrutivas, están enfermos. Abonda con ver a ese político de Valencia contando billetes dentro dun coche, refocilándose como un cocho coa sonatina dos números a medida que os vai contando.